21/12/09

Os airiños da reforma...

Hai uns meses que o diálogo social comezou a súa andaina, e é probabel que froito das negociacións saia a tan ansiada reforma laboral, esa que vai ser a panacea que solucione a crise sistémica na que nos meteron, xa sexa facendo parénteses ou non, algunha solución terá que haber, e posto que a denominada esquerda, está a velas vir, pois e posíbel que a reforma sexa levada a cabo pola, e outra vez máis, denominada man invisíbel.

Chéirase que as ETT´s van a gañar peso en seitores nos que antes tiñan prohibido estender os seus tentáculos.

En Novembro do ano 2008 saiu á luz, a Directiva 2008/104 do Parlamento Europeo, que recomenda aos Estados da UE que antes do 2011 se vaian mermando de xeito paseniño as limitacións impostas ás ETT. Circula un ruxerruxe nos aquelarres laborais, e todo apunta a que se procedería a retirar as restriccións dos contratos de posta a disposición nas administracións públicas e pode, que ata se chegase a permitir no seitor da Construción; no que está prohibido por mor da súa alta sinistralidade laboral. Ademais tamén se insiste en que as Axencias Privadas de Colocación asuman o control das bolsas de emprego(continxencia que xa se produce na actualidade, aínda que non por imperativo legal pero si en datos estatísticos, 2% de colocad@s polo SPEE fronte a un 14% de colocad@s polas APC), para alixeirar o traballo do SPEE e así éste tería máis recursos pra fiscalizar os requisitos d@s parad@s no cobro de prestazóns, ou o que é o mesmo control semi-policial das pagas por desemprego. Tamén se intenta por parte da patronal a creación dun único contrato especial de crise, que pasaría ter unha indemnización, de 20 días de salario por ano traballado, fomentando en palabras da patronal, a contratación indefinida. Tampouco podemos ignorar o que dende o Mº de Traballo se comenta da modificación dos contratos de formación e de prácticas, pra mellorar, palabras do ministro, o ingreso ao mercado laboral dos xóvens. Por outra banda a ministra de Economía e Facenda adianta que cobrar o paro e traballar a media xornada podería ser compatíbel.

Outras das medidas(1) que se estudan é a Flexiseguranza(2) a cal pode ser unha solución pragmática máis ou menos útil se, por unha banda a presión tributaria sobre a patronal fose algo máis forte e progresiva, ou cando menos sería máis tranquilizador que non se falara de mermarlle as cotas patronais da Seg-Soc, e pola outra, se a militancia sindical fose máis esixente coas cúpulas e os sindicatos gozaran de certa independencia económica. Mais como ningún dos requisitos se cumpren, alomenos no estado Español, é moi dificil que a Flexiseguranza sexa unha ferramenta útil para o benestar común, si o será en troques para o menoscabo dos dereitos laborais acadados o longo da historia.

Como todo isto pode resultar ata contraproducente, para os propios intereses do sistema capitalista, non estaría demáis reflexionar sobre as posíbeis consecuencias que poden traer para tod@s nós as “solucións” que se poñen encol da mesa de negociación os axentes sociais(como lles denominan agora) a ista crise SISTÉMICA, e digo sistémica porque a crise é unha crise de sistema económico, do sistema económico capitalista, ao igual que foi a do sistema soviético-stalinista, mais a diferenza entre ámbalas dúas, é que desta crise actual non conservamos fotos do derrubamento físico de ningunha mura, mais se cadra non estaría demais gardar as fotos das ringleiras humanas que cada día se presentan nas diferentes sucursais dos Servizos de Des-emprego, ou das tratoradas ignoradas, ou das folgas ocultadas polos mass media, ou mesmo se se prefire das copias dos avais económicos feitos a cargo do erário público ás entidades dos piratas bancarios ou das industrias da automoción, ou da conversión da especulación inmobiliaria en especulación eólica, etc. mais que nada pra que se algún día procedera, pois publicalas nos libros de historia, e esí verificar como despois de oitenta anos voltamos a cometer os mesmos erros ca no pasado, a pesaren de vivir na denominada Sociedade da Información(na que cada vez hai máis medios e menos discursos) e non esquecer que daquelas tamén un presidente que non lograra convencer nas eleizóns anteriores á poboación norteamericana de que a situación económica precisaba un mínimo control, e que se cadra as teorías de Adam Smith xa daquelas ficaban obsoletas, e ao igual ca dicía o premio Nobel do 94 John Nash no interesantísimo razonamento sobre Teoría de Equilibros representado no(3) filme Unha Mente Marabillosa, é preciso ter en conta máis factores que o propio interese egoísta de cada ún.


Pois voltando de novo ao miolo do asunto, no ano 2008, 831 persoas morreron no traballo no estado español. A temporalidade e a precariedade dán lugar a situacións de inseguridade e confusión entre @s traballador@s, xa que moit@s non saben a quen acodir se se produce un accidente laboral. Ese foi o caso de David Marín, falecido no ano 2006 mentres traballaba nun concerto organizado polos 40 principales. Ninguén vixilaba o cumprimento da seguranza no traballo ademais de que ninguén lle proporcionou os Equipos de Protección precisos, despois do accidente os seus compañeiros non chamaron á Polícia, e naqueles intres non había ningún responsábel e cando por fin chegaron os responsábeis da subcontrata comunicóuselle aos compañeiros que este traballador non iría traballar ao día seguinte. Os responsábeis non chamaron á Inspección de Traballo no intre do accidente, si o fixeron ao día seguinte unha vez desmontado o escenário, polo que a inspección de traballo que se encargaría de comprobar as condicións de traballo no intre do AT de pouco serviría cando o lugar de traballo mudara por completo con respecto ao día anterior no que se produxera o accidente. Tres anos despois non hai responsabilidades penais polo acontecido e 3 anos despois Pase Producciones segue a operar no seitor da montaxe de espectáculos.

Isto é o que acontece na actualidade, a LPRL non se aplica, polo que, se a responsabilidade se delegara nas ETT o control sobre os Riscos Laborais sería pouco menos que unha utopía. Polo que ao meu parecer, se cadra deberiamos centrar a loita social noutras melloras coma poden ser: a merma da xornada laboral, a limitación máis severa das horas extras, mudar o sistema organizativo, atender a seguridade e hixiene laboral, e afastar do discurso, aínda que sexa de xeito temporal as teimas salariais(4) máis que nada pola que nos vén enriba.

-------------------------------------------------------------------------------------------------


  1. http://www.rebelion.org/noticia.php?id=58378

  2. http://www.flexiseguridad.es/que-es-flexiseguridad/

  3. se atacamos todos obstaculizámonos, se cada ún de nós procura egoístamente quedarse coa máis atractiva do grupo, ignorando ás sensibilidades do noso compañeiro, é probabel que ambos nos fixemos na mesma persoa e compitamos ata a destrución por ela, e por mor da desagradábel loita sexamos rexeitados polo prezado doce, e logo no intento de procurar saciar a noso amor, tentaremos entrar a outra moza do grupo de amigas e é moi probábel que tamén sexamos rexeitados, posto que ninguén lle gosta ser o segundo prato. Ficando porén, sen satisfacer as nosas necesidades, e sendo rexeitados por todas as mozas que presenciaron a loita. Mentres que se de entrada nos fixamos nas máis mediocres, e ignorando de facto, á máis atractiva, non nos obstaculizamos e tampouco se ofenden as outra mozas polo que é probábel que obteñamos o éxito, aínda que sexa tan só polo halago que supón que a vítima se sinta protagonista, e por unha vez na vida gañe á máis guapa grupo”.

  4. A quen beneficia máis? a quen remunera e repercute nos prezos, ou a quen cobra e paga no mercado a repercusión... habería que crear un foro pra debatelo, pode ser interesante...

  5. http://www.tt.mtin.es/periodico/perhisto/HistoBase.asp

  6. www.kaosenlared.net/noticia/zapatero-prepara-nuevo-contrato-basura-para-jovenes-parados

  7. http://www.vieiros.com/nova/77151/cobrar-o-paro-e-traballar-a-media-xornada-poderian-ser-compatibeis


14/11/09

O interesse informativo

1.INTRODUCCIÓN
Este traballo sobre o tratamento informativo que os medios de comunicación dan ós accidentes de tráfico e tamén os accidentes de traballo realizouse tendo en conta as novas sobre a materia aparecidas nas edicións dixitais de diversos periódicos galegos durante a semana do doce de outubro ó dezaoito de outubro do dous mil nove.
Entre as novas elixidas de accidentes de traballo hai: Unha nova sobre un accidente de traballo aparecida no xornal El progreso de Lugo e, por outro lado, unha nova sobre unha sentencia do xulgado do social que obliga ó concello de Lugo a indemnizar a unha traballadora por acoso laboral e por falta de ocupación efectiva. Esta última do xornal La voz de Galicia.
No tocante as novas sobre accidentes de tráfico neste periodo temos: Unha nova sobre accidente de autobus do xornal El correo gallego e un accidente de tráfico aparecido no xornal dixital Galiciaé. Finalmente entre as novas sobre accidentes de tráfico tamén se incluiu un artigo de La voz de Galicia sobre a historia da seguridade vial.
Todas estas novas poden ser consultadas o final desta análise para unha mellor comprensión da mesma.

2.ANÁLISE COMPARATIVA
Da lectura das diversas novas aparecidas en prensa, xa citadas no apartado anterior, podemos deducir que o tratamento informativo que reciben os accidentes de tráfico é moito máis por menorizado e gozan dun maior seguimento que os accidentes de traballo, chegando o punto de que moitas veces logo dunha información de primeira hora se reelaboran as noticias para completalas moito máis e para detallalas no caso das de tráfico, mentres que no caso dos sucesos que teñen que ver con accidentes de traballo a nova non é reelaborada nin se profundiza máis no suceso.
Esto podemos velo no caso da nova aparecida en El progreso de Lugo e na que se fala dun accidente de traballo dun agricultor mentres traballaba na súa finca; Aqui o xornal en cuestión limítase a ofrecer a información dun xeito descriptivo e cronolóxico dos feitos, para esto simplemente recada información de fontes oficiais tales como a Garda Civil ou o 061. O pouco peso que neste xornal se lle da a este accidente de traballo salta a vista cando o final da nova aparece outro apartado, este para referirse a atropelos habidos en concellos da mesma provincia durante ese dia. É dicir, non se lle dá a nova e o suceso un tratamento especializado. Ese tratamento especializado pola contra si se reflexa noutra nova, a do correo galego que se refire a un accidente de autobus no que ían varios escolares. Neste caso non só se describe o accidente senón que tenta indagarse sobre as causas, chegado os xornalistas a preguntar sobre a posibilidade de culpabilidade do conductor e denotando certa extrañeza ante a falta da mesma, aínda que o final deixándoa no aire. Refírense finalmente ó elemento fundamental que salvou o accidente de ser unha catástrofe, os árbores. Pero o que delata a gran preocupación ou o mellor tratamento deste suceso por parte do xornal é que os xornalistas indagan non só en fontes oficiais o acontecido, senón que recollen palabras textuais do alcalde da localidade e se preocupan en maior medida por saber que opina este do ocorrido, cousa que non se fixo no caso do accidente de traballo de antes.
Ademáis de nas noticias anteriores tamén na que se refire o accidente de tráfico aparecido en Galiciaé hai unha falta de sensibilidade e preocupación cara ós traballadores que sufriron estes accidentes de tráfico, que polo tanto tamén son accidentes de traballo. Así en ningun momento se reflexa nas novas se o conductor do trailer saiu ferido ou ileso mentras que si se fai para o conductor do coche. No caso do conductor de autobus accidentado só se indaga sobre el para reflexar que non cometeu imprudencias ó volante e xa que logo no seu traballo (aínda que se deixa caer a posibilidade non confirmada de que si tivera culpabilidade), non para saber tampouco cal foi a consecuencia para el do accidente.
A diferencia de trato e de atención máis favorable que se lle dá os accidentes de tráfico con respecto ós de traballo vese confirmada no caso de La voz de Galicia. Este xornal saca durante un intervalo curto de días duas novas. Unha con respecto a sentencia que condena ó concello de Lugo a indemnizar a unha traballadora e outra é un artigo sobre a historia e a evolución da seguridade víal. No caso da primeira simplemente se entra a describir os feitos que derivaron na sentenza que condena o concello, en ningún momento se entra a preguntar ós afectados e, máis ben, deixase de lado a opinión da traballadora e infórmase sobre a decisión da parte demanda de recurrir a sentenza. Algo que tamén podiamos ver nos casos anteriores onde ademáis de indagar menos nós feitos ca nós accidentes de tráfico tampouco se preocupaban polas opinións ou cuestións de saúde que sufria n os traballadores a causa do accidente.
Finalmente no que respecta ó artigo sobre a historia da seguridade vial este reflexa unha cousa moi importante, e é a sensibilidade e a preocupación que os medios de comunicación teñen polos accidentes de tráfico e por a súa posibilidade de reducilos. Esto é algo loable mais esta mesma preocupación e sensibilidade non xurde cos accidentes de traballo pois non se atopa en prensa ningún artigo sobre historia dos accidentes de traballo, así como tampouco un mapa coa situación dos sinistros laborais na comunidade galega tal é como se ve na web de La voz de Galicia.

3. ANÁLISE DE ACCIDENTES DE TRABALLO
Os accidentes de traballo non reciben unha gran especialización como xa apuntabamos no apartado anterior, pois moitas veces estes son mesturados con outro tipo de sucesos. Ese é o caso do accidente de tractor dun agricultor mentres traballaba que é tratado na mesma nova que suscesos sobre atropelos. Ademáis este suceso semella que máis que tratalo coma se fora un accidente de traballo o fan coma se fora un accidente tráfico atendendo quizais a que sucedeu como consecuencia do emprego dun vehículo a tracción. Parece asi que o feito de que o accidente se producira mentres se traballaba non fora importante ou non estivera relacionado, nin se fala tampouco das condicións en que se atopaba o vehiculo nin nas posibles medidas de seguridade que fallaron e que poderían ter evitado o accidente. En ningún momento se buscan os motivos e só se deixa entrever como xustificación que o sitio tiña unha lixeira pendente. A descripción da nova deixa entrever, na miña opinión persoal, que o accidente se debeu ó factor humano ou ben a unha falta de seguridade ou de carencias técnicas con respecto a maquinaria coa que traballa o siniestrado nese momento.
Finalmente respecto a traballadora que sufriu acoso laboral e que xa gañara un xuizo no que se obligaba ó concello a darlle ocupación efectiva , a nova é simplemente descriptiva e moitas veces semella que nela se tenta poñer en valor máis a postura do concello que a da afectada porque só se fala dos motivos que este ten para actuar así, inclusive se lle dá voz. Asi esta noticia ademáis de ser parcial é moi descriptiva e en ningun momento se interesan por indagar máis.

4. CONCLUSIÓNS.
A xeito de peche podemos dicir que a concienciación existente na sociedade para evitar os posibles accidentes de traballo e enfermidades profesionais (entendidas como aquelas nas que hai unha relación de causa-efecto co traballo) é moi baixa. Non importa pois indagar no ocorrido nos mesmos nen investigar para solucionar ou evitalos outra vez nun futuro. Estamos ante unha sociedade na que as empresas empregan máis a prevención reactiva do que a prevención activa. Non paramos a pensar como poderia evitarse un accidente ata que o mesmo se produce.
Aínda que os datos estadísticos poderían botar por terra esta afirmación cabe dicir que a investigación estadistica está neste caso altamente sesgada pois no caso das enfermidades profesionais, ou o que é o mesmo, as que tenhen como causa unha exposición a axentes patóxenos no traballo; só se consideran tal aquelas recollidas no sistema de lista de enfermidades profesionais da lei xeral de seguridade social e non todas as que están causadas a consecuencia do traballo. Sería preferibel pois unha analise cualitativa por riba da cuantitativa, así como recomendábel unha campanha onde se tentase levar a sensibilización da siniestralidade laboral ó nível da dos accidentes de tráfico. Esto é moi importante para frenar unha lacra que, en tempos de crise, non creo que se vaia reducir precisamente.



FONTES
http://elprogreso.galiciae.com/nova/40947.html
http://www.elcorreogallego.es/galicia/ecg/tres-menores-heridos-volcar-autobus-llevaba-clase/idEdicion-2009-10-14/idNoticia-476849/
http://www.lavozdegalicia.es/galicia/2009/10/14/0003_8035709.htm?idioma=galego
http://www.galiciae.com/nova/41015.html

22/08/09

Representatividade e Liberdade Sindical


Fai un ano no BOE do 7 de xaneiro do ano 2008, un día despois de Reis, as xestorías sindicais recibían os seus agasallos polo ben que o fixeron durante o ano anterior: a subvención en conceito de representatividade para que poidan seguir a facer actividades de “carácter sindical”.

Se analisamos os datos e os convertemos nunha porxentaxe de representatividades, temos o seguinte: CCOO e UGT obteñen o 80% d@s representantes d@s traballdor@s, e a terceira forza sindical do estado trátase dun sindicato autonómico que é ELA-STV cun 3% de representatividade; e o resto de sindicatos corporativos CSI-CSIF, FETICO ou os nacionalistas LAB e CIG cunha porcentaxe arredor do 1%.

Nistos 30 anos, as cifras repítense unha e outra vez: UGT e CCOO obteñen o 80% da representatividade sindical; o mesmo que o PSOE e o PP obteñen a cifra semellante nas Cortes Xerais. Non existe alternativa, xa que as regras foron deseñadas para que istes resultados se repitan de xeito sucesivo, unha e outra vez. O modelo sindical crea un bucle pechado que imposibilita intromisións. Todos aqueles que participan no xogo, fánlle ás beiras ao sistema, xa que o respaldan e o integran, sen podelo mudar.

Todo isto merece unha explicación: Pois ben, o procedemento para descabalgar ou deslexitimar aos sindicatos ingratos e sobor de todo ás asembleas de traballadores e traballadoras, efectúase a medio de eleizóns sindicais, que é un procedemento selectivo. Este procedemento selecciona a aquelas persoas que poderán representar aos traballadores e traballadoras, e negociar as súas condicións de traballo, económicas, etc. Coma este procedemento indica que o sindicato que consiga unha porcentaxe de representatividade determinada, representará a tod@s @s traballador@s de España (xa dende comezos da súa implantación intuíase que esa porcentaxe soamentes ía ser acadada por UGT e CCOO) os resultados permiten lexitimalos a eles sós, torpedeando porén aos demáis o exercizo da súa acción sindical , pois cómpre engadir que no estado Español a canle unitária(representantes electos) substitúe á sindical(delegad@s sindicais).

Ao lexitimar o procedemento eleitoral priorizando a dous sindicatos sobre os demais, isto crea un monopolio do exercizo sindical, orientando á afiliación cara istos sindicatos, co cal, nas sucesivas eleizóns sindicais seguirán reproducindo os mesmos datos ano tras ano.

Para que exista liberdade sindical, isto é, para que todos os sindicatos esteamos en igualdade de condicións para exercer a nosa acción sindical, a normativa sindical debe de respectar o principio de igualdade, algo que a lexislación española incumpre a miúdo. E a igualdade de tratamento supón a desaparición da canle unitaria, porque esta canle é a que crea o monopolio.

O Futuro das Pensións



Se a lexislación laboral e os convénios son cada día piores que os anteriores, quedándonos aos/ás traballador@s, como único cravo ao que agarrar-nos, o sistema público de protección social, e coa que está a caer, o que máis e o que menos ve o futuro da súa pensión tan negro coma o do seu traballo. E se non, que llo pregunten o Octavio Granado, Segredário de Estado para a Seguridade Social, que nun recente Chat lle prantexaron se tiña un plan de pensións, ao que respostou de xeito afirmativo. Como xa sabedes, o noso sistema de Seguridade Social resposta nas súas orixes ao modelo Bismarckiano(contributivo) e de reparto. Iste modelo finánciase na súa maioría coas cotizacións de tralladores, traballadoras e empresas, estando orientado a protexer ás persoas traballadoras e a manter os seus niveis de renda, ofrecendo prestacións proporcionais aos ingresos deixados de percibir. Nos modelos de reparto, as xeracións que están en activo pagan as prestacións das xubiladas, producíndose unha solidariedade interxeracional.

Fronte a iste modelo atópase o modelo anglosaxón, que ofrece un nível de vida mínimo de vida para todos e todas as cidadás, financiándose con partidas Orzamentárias.

Iste modelo contributivo e de reparto, dígase o que se queira, comezan a poñelo en crise o poderes capitalistas, levándoo cara un modelo de capitalización e asistencial, sen garantir niveis de renda, de tal xeito que o Estado somamentes garantirá uns mínimos, como no modelo anglosaxón, e a persoa que queira máis xa sabe, que faga un plano de pensións, coma fixo o señor Octavio Granado.


No estado Español lévanse dando pasos importantes nisa dirección. Tanto os Pactos de Toledo, que profundan no carácter de capitalización das prestacións, que significa que todas as túas cotizacións constitúen un capital co que che pagarán a túa pensión nun futuro, do mesmo xeito que se fixeses un plano de pensións; coma todas as medidas de fomento do emprego, acompañadas de bonificacións e reducións na cota empresarial. Esí no 1980 o tipo de cotización era do 34,30%; dende 1990 até o 28,80% e dende o 1995 o 28,30%; e en breve, polo que se poder ver, será de menos, xa se está a falar dun 27%.

Pois que se deixen de caralladas, o futuro das pensións, e da seguridade social no seu conxunto, é un conflito de intereses. A quen lle interesa que funcione ben é aos traballadores e traballadoras, que viron como lles o beneficiaba xa dende comezos do século pasado. Os grandes capitais non cho precisan.

A cota patronal é un tributo que aboan para garantir o benestar de todos e todas, contribuíndo a redistribuír a riqueza. Porén, o seu cabalo de batalla está eí. Se asfixian ao sistema público de pensións teremos que amolarnos e buscar a vida...recorrendo aos seguros e ás entidades financeiras.

E de todo isto entendíache muito Otto Von Bismarck cando afirmaba que: “hai unha contradicción esencial no estabelecemento da cota obreira, pois se @ traballador/a ten dereito a pedir a protección social non deberá de mercala a prazos”.

Esta obra está feita baixo unha licenza libre con contidos para o dominio público

Seguidor@s